O neno pastor que venceu o lobo

Lembranzas dun galego emigrado en Cataluña

Historia de vida de Olegario Sotelo Blanco (1945)

A vida non é o que un viviu,
senón o que un lembra,
ou como o lembra, para logo contalo.
Gabriel García Márquez

CAPÍTULO I: Un pastor de Quintela

O primeiro día da escola

–Érguete, neno. Xa fun á fonte por un cántaro de auga. Hoxe hai que lavarse porque vai ser o teu primeiro día de escola e a señorita mestra dixo que tiñas que ir ben limpo –dime a miña nai ben cedo un día de outono.

A auga na cunca estaba fría, pero o aseo facíao só porque xa tiña cinco anos, así que me lavei ben rápido. Cun pantalón curto, a camisa de estrea que me fixera a costureira Jovita e unhas galochas novas que me mordían os dedos dos pés, corrín cara á cociña para almorzar.

Toño, que era un ano máis vello e xa ía á escola, explicoume que debía poñer na galocha dereita tres cravos na punta. Así, se algún rapaz se metía comigo, podía bourarlle na canela con esa galocha.

–Por que teño que ir á escola?

Non me sorprendeu ver a Jovita sentada á mesa. De cando en vez viña coa súa máquina de coser ao lombo e pasaba uns días na casa remendando e facendo roupa para a familia. As teas xa as mercara a miña nai no comercio do Xosé María no Castro, que lle fiaba porque se coñecían dende nenos.

Jovita dicíame que os nenos debían de ir á escola para aprender moitas cousas e facer amigos. E faloume de rapaces que xa coñecía da misa. Lembrei cando ás noites, a carón do lume da lareira, os pais falaban dos veciños das cinco aldeas da parroquia: cantos fillos tiña cada matrimonio, se eran ricos ou pobres… E despois de facer os meus primeiros cálculos, malia non saber aritmética, decidín poñer catro cravos na miña galocha.

A miña nai levoume ese primeiro día á escola e presentoume á señorita mestra, que só falaba castelán. Sentín moita estrañeza, porque eu unicamente coñecía a lingua dos meus pais. De que xeito podería aprender «moitas cousas» se non entendía o que falaban?

Naquela escola educábanse uns cincuenta rapaces e rapazas que, como non podían moverse da cadeira, combatían o frío cunha estufa de leña que ardía no medio do local. Todos os nenos querían sentar a carón do fogón, mais eu púxenme ao lado do Domingo do Berbiricho, que era o meu amigo de cando iamos coas ovellas para a serra.

Eu comecei a escola aos cinco anos, pero dende ben pequeno pastoreaba quince ovellas e unha cabra que levaba a pastar cada día á serra de arriba. O traballo de pastor e algunhas outras tarefas auxiliares de labrego fíxenas compatibles durante moitos anos coa escola: a sementeira das patacas, a sega da herba… sempre había tarefas para os cativos, que ás veces substituían o traballo dunha persoa adulta.

En realidade, a vida naquelas aldeas non mudara moito dende a Idade Media. Servizos básicos mínimos, economía de pura subsistencia e perspectivas persoais lonxe da aldea. Isto último significaba dicir adeus á paisaxe, ao coidado da terra e mais do gando, adeus á familia e aos amigos, adeus á cultura e moitas veces á propia lingua.

Aínda que os nenos perseguen a súa felicidade a saltos, non eran tempos fáciles para ningún de nós, e recibiamos formación física e mental para máis tarde camiñar firmes polos inhóspitos carreiros da vida adulta, na maioría dos casos xa como emigrantes.

Parello co que, mal ou ben, aprendín na escola, creo que o maior ensino que levei sempre dentro de min, firme como un eixo, foi o amor á miña terra que me proporcionou a sinxela e rigorosa convivencia familiar e veciñal. Iso si, con moitas dificultades e escasezas durante os dezasete anos que vivín en Quintela de Mazaira antes de subir a aquel tren que me levou a Barcelona.

A miña familia

Hai xa un ano que morreu a miña veciña de Quintela, Adela do Valente, unha muller que me quería como se fose da familia. Estivera emigrada en Venezuela, casara con Xulio, parente noso de Paradela, e cando volveron das Américas fixeron casa no Castro, como era común, e montaron unha taberna no Toural para dar comidas os días de feira. Logo marcharon para Madrid, pero Adela non se esquecía de min e cando que se atopaba comigo, dicíame:

–Alegariño –sempre me chamou así–, ti naciches o día dos Remedios, o 8 de setembro, sobre as catro da mañá, porque todos os mozos e mozas de Quintela viñamos do folión do Castro e a primeira nova en Quintela foi que a Concepción e o Xosé do Castellano acababan de ter unha nena e mais un neno, que eras ti. Entramos e xa estabas no colo da señora Estrela, a parteira. O teu pai estaba atizando o lume para quecer un caldo de polo que preparara para a túa nai e mais para a parteira.

Era boa a memoria da Adela. Nacín no ano 1945, no mes de setembro. O nove de maio do mesmo ano finalizara a Segunda Guerra Mundial. O mundo, e España en particular, sufriron as consecuencias durante moitos anos. O noso país ademais xa sufrira o desangrado dunha guerra civil, razón pola que non tomou parte directa na contenda europea, pero houbo de soportar outras consecuencias: bloqueo político, pobreza, fame e unha longa e implacable ditadura militar.

Galicia, como outras partes do Estado, sufriu especialmente o azoute da fame. Nos anos corenta chegou o racionamento a cidades e pobos.

Nesas circunstancias miserables –en Quintela de Mazaira, pequena aldea con vinte veciños situada nas terras altas do interior, na provincia de Ourense–, o matrimonio formado por Concepción e Xosé concibiron a este cronista de nome Olegario e á súa irmá xemelga, Luísa. Xa tiñan un fillo de dez anos chamado Bautista, o meu irmán, quen, malia a diferenza de idade, sería ademais o meu mellor amigo e mentor, quen sementou os primeiros conceptos culturais no meu espírito, mostrándome que existía un mundo ao meu alcance alén das montañas que conformaban a nosa paisaxe cotiá. E espertándome no corazón a vontade de forxar o meu propio destino lonxe da aldea e do pouco gratificante oficio de labrego.

O Castellano non era o apelido do meu pai, obviamente, senón o nome da casa co que a veciñanza identificaba os seus moradores. Era algo común a todos os pobos de España, antes de que os rexistros oficiais nos desen apelidos formais, chamar á persoa polo nome de bautizo e mais o nome da casa, para diferencialo doutros Xosés ou Xoáns. O apelido Sotelo só aparecía nos papeis oficiais, como o número do carné, co que ninguén se identifica como persoa. Este costume aínda hoxe se conserva no ámbito rural.

Outras veces usábase un alcume, o Mudo ou o Calvo, que cumpría a mesma función.

O meu pai, Xosé do Castellano, por certo, non era calvo, mais sempre levaba a cabeza cuberta por unha gorra bilbaína.

Como non ía a feiras nin a festas, non se preocupaba demasiado pola aparencia e acostumaba vestir chaqueta e pantalón de pana remendada pola miña nai ou por Jovita a costureira. Sempre adoitaba calzar galochas, ás que el mesmo se coidaba de pór uns paus novos cando os usados ían gastados.

Os calcetíns facíaos a miña nai nas longas noites de inverno aproveitando a la das nosas ovellas, a carón da luz dos rachóns de carballo que ardían na lareira: fiaba, torcía e calcetaba para todos os da casa.

Concepción, máis presumida, cubría a cabeza cun pano negro e sempre levaba un fermoso chal, tamén negro.

Era unha muller tan dotada para levar a dirección da casa como para o comercio. Traballadora e católica practicante, influenciada por un irmán cura, o meu tío Olegario, de quen herdei o nome e pouco máis. Apenas fora a escola, non sabía ler nin escribir, pero grazas á súa intelixencia e determinación, puido ampliar o negocio familiar e mercar terras para poder manter algunha vaca máis.

O meu pai, Xosé, era campesiño. Naceu para coidar a terra e mais do gando, para a labranza e mais o pastoreo. Non lle satisfacía ir a feiras nin tampouco o comercio, traballos que con gusto descargaba na súa dona. Home de poucas palabras, prefería coller o arado romano tirado por unha xugada de vacas, abrir sucos na terra e sementar patacas, nabos ou centeo, que eran os produtos dos que se alimentaban animais e persoas.

O centeo moído e cocido no forno artesanal cada quince días permitía polo menos non pasar fame. Hai que dicir que na miña aldea non había luz eléctrica nin auga corrente nas casas. Ou sexa, os veciños vivían alí case igual que no século XX. Á parte da escola, as principais transformacións chegaron a partir dos anos setenta do século pasado. A aldea ademais estaba practicamente incomunicada e, por exemplo, para ir a Ourense tiñamos que coller un autobús que paraba a doce quilómetros de casa.

Bautista tiña dez anos cando Luísa e mais eu chegamos ao mundo. Era bo estudante, rapaz intelixente, e axudaba os seus pais en todos os traballos. O meu pai presumía da paixón que poñía Bautista en facer as cousas ben, porque el era un tanto chambón, non facía os sucos dereitos, segaba ao xeito a herba porque afiaba moi ben a gadaña, pero Bautista araba dereito e, cando facía unha caldeira para regar un lameiro, guiábase cunha corda para que quedase dereita.

Xosé do Castellano, a súa dona Concepción, o seu fillo Bautista xa grande e os dous xemelgos eran unha familia feliz. Despois todo mudou.

Orfandades precoces

Dentro desa vida monótona característica daquel mundo rural, pobre pero abondo previsible, os veciños adoitaban dicir que en Quintela «o bo tempo non dura sempre», e non se referían precisamente ao tempo meteorolóxico.

Un desgraciado 22 de setembro de 1947, xa escurecera cando a miña nai estaba preparando un caldeiro de patacas e verzas cocidas para os porcos, tamén a cea para a familia, mentres os xemelgos quentabámonos a carón do lume, como era costume, esperando polo meu pai e polo meu irmán, que chegaban do monte coas ovellas e mais as vacas. De súpeto unha vaca pegou un berro estraño, a miña nai saíu un momento para mirar que pasaba e a fatalidade quixo que a miña irmá Luísa se metese no caldeiro que estaba fervendo, e nada se puido facer para salvar a vida daquel anxo que era o olliño dereito da miña nai. Eu tiña pouco máis de dous anos e non lembro nada do acontecido, o único recordo que conservo da miña irmá é o que me contaron.

A vida daquel matrimonio, que até entón fora humilde pero feliz, transformouse de súpeto nunha bágoa constante. Dende que teño uso de razón, vin a miña nai chorar día tras día lembrando a súa Luisiña e culpándose da súa morte.

Decote, cando eu facía trasnadas, dicíame: «A túa irmá non faría iso». Comprendín dende ben cativo a desesperanza daquela muller a causa da morte da filla, da súa única nena. E non sei se aquelas vivencias da infancia puideron influír na miña vida adulta, se cunha nai máis feliz e sosegada a miña vida tería decorrido por camiños distintos… pero, quen o sabe?

A miña nai morreu cando tiña só sesenta e nove anos, e partillei con ela outros quince anos de infelicidade, até o día que emigrei para Barcelona.

Porque esa non foi a primeira desgraza na miña familia, nin foi a única causada pola auga. Anos despois, unha sobriña e afillada miña, Montse, filla do meu irmán Bautista e da súa dona, Pepita, que tiñan outros dous nenos, Bautista e mais Fabiola, xa grandiños, tornou escuras as nosas vidas de novo. Eles tiñan un hotel restaurante no Castro e un día a nena, que xogaba nun patio ao lado da cociña, a cargo da súa nai, afogou tamén nun caldeiro con auga.

Coma se fose produto dunha maldición, poucos anos máis tarde, o meu irmán, os dous fillos seus e mais unha amiga, tomaban un baño no encoro de Leboreiro, cando de súpeto a amiga afondou. Bautista seguiuna ao fondo para tentar salvala… pero alí morreron os dous.

A auga causou moita dor na nosa familia. O meu irmán era todo para min, era quen debuxara o meu horizonte alén de onde os meus ollos podían ver, e a súa morte produciume un sentimento de grande orfandade.

O derrubamento da casa

A pobreza adoita atraer as desgrazas e, dende logo, todo o que ocorre nunha familia humilde, cando un é neno ou mozo, queda na lembranza para toda a vida.

O 15 de novembro de 1952 estaba moi escuro na casa. Nesa altura do outono os días xa van moi minguados, e para facer os deberes que me puxera a mestra tiven que prender un gamón, porque o candil quedara sen gas e a miña nai non traería outra botella até que fose vender as patacas a Quiroga. Ademais, ía frío de neve, pero o meu pai trouxera uns rachóns de carballo que ar dían e quentaban ben. Na lareira estaba o lume, a cociña, a calor e a xente… era a sala de estar.

Acabei de facer os deberes e asei unhas patacas no borrallo das brasas, todo estaba en silencio, e só escoitaba berrar algunha ovella e o tocar dos chocallos das vacas que entraban na corte. Asomei pola porta e vin que comezaban a caer folerpas, era a primeira nevada da estación. O meu pai estaba no lameiro da mallada facendo garda para matar algunha toupa que tiña o lameiro todo fozado. A miña nai, na corte, preparaba o caldeiro para cocer a comida dos porcos.

Nun momento, aquela escena que se repetía de tarde en tarde viuse alterada pola inesperada visita nada menos que da Lila, a meiga, que entrou na casa para guarecerse da forte nevarada que estaba a caer.

Lila era unha muller vella e medio dobrada, vestía saia negra de liño, levaba a cabeza cuberta por un pano negro e zocos grandes gastados. A meiga entrou na casa dicindo:

–Meniño, onde está a túa nai?

–Está na corte, señora Lila.

Con frecuencia, cando pasaba por Mazaira camiño da escola, atopaba aquela muller sentada diante da súa casa. Mais vela na nosa casa resultábame sempre estraño e dábame un pouco medo. Era unha persoa escura, coñecida en varias parroquias do entorno porque botaba as cartas facendo rir aos incrédulos e preocupando os temerosos. Non estaba ben vista pola maioría dos curas da zona. Atopeime con xentes que dicían, convencidos, que a Lila podía adiviñar o futuro, pero eu, como todos os cativos, non cría no futuro, pois os días semellábanse demasiado uns aos outros. O marabilloso para min só sucedía nos poucos contos que podía ler, e nada tiñan que ver con aquela cara engurrada de mirada fixa e inexpresiva, con aqueles cabelos brancos e despeiteados que lle penduraban sobre a cara…

Mentres a meiga se quentaba no lume da lareira, cos pes case metidos nas brasas, tan mollada que a roupa fumegaba co calor, o que lle daba aínda máis aparencia de espírito perdido. Nese momento escoitei polo burato que daba á cociña a voz da miña nai, que se achegaba falando con outra persoa:

–Pase, pase, don Pedro, achéguese ao lume e saque esa sotana que vén pingando.

–Que Deus che dea o ceo… Veño frío coma o xeo. O meu criado Simoneta non sei onde levou a burra… Vimos dun enterro nas Carballeiras, e xa sabe o mal que está o camiño, ateigado de ramas que, ao andar a burra, me deron na cara e me tiraron o chapeu, que alí quedou. Mañá mando a Simoneta a buscalo para que aprenda. Este rapaz é moi atravesado e ruín.

Pensei: «O que faltaba… o cura!» O meu pai diría: «Tarde de corvos…», porque tanto a Lila como o cura vestían de negro e provocábanme o mesmo tipo de medo estraño.

Xa estaban os adultos dentro ben pegados ao lume, a miña nai sempre condescendente con don Pedro, aquel cura moi velliño que levaba moitos anos na parroquia de Medos. Viñera de terras de Valladolid e falaba só castelán.

Don Pedro pregunta: –Concepción, como está o teu irmán cura, don Olegario?

–Ben, don Pedro, segue na súa parroquia de Faramontaos, preto de Celanova.

Eu púxenme nun recanto da sala e escoitaba a conversa dos maiores, que invadiran o meu territorio, intentando descubrir como é que estaban xuntas aquelas persoas vestidas de negro, unha bruxa e un cura. Serían os milagres do clima…

–Don Pedro, achéguese ao lume e séquese, que vai coller frío e á súa idade non é bo. Quere unha copiña de augardente para que lle quente o corpo por dentro? –pregúntalle a miña nai ao cura.

–Deus pagaracho, miña filla. Xa coa pel seca e o sangue quente, o cura dirixiuse a Lila: –E ti, muller, cando deixarás de enganar a xente coas túas mentiras?

–Señor cura, eu non me meto con ninguén. Levo toda a miña vida tirando as cartas e acerto moitas veces… e se non acerto, a xentiña enténdeme.

–Cala, cala, que cando rendas contas, Deus castigarate co inferno.

De pronto, coma se tivese ollos detrás das orellas, don Pedro chamoume, acariñoume a cabeza, sacou da bolsa unha peseta e deuma dicindo:

–Toma, para que cando vaias á festa de Santo Antonio a Vilardá, compres unha gasosa para partillares cos teus amigos.

–Grazas, señor.

–Bo rapaz. E a ti, non che gustaría ser sacerdote coma o teu tío? Cando sexas maior, claro.

–Eu non sei, señor cura. Agora son só pastor de ovellas. Don Pedro miroume con curiosidade debido á miña resposta.

–No sexas así, home, dille a don Pedro o que che gustaría ser –dixo a miña nai.

–Quero ser mecánico, coma o señor Nicanor de Arboiro.

–Pero, home, se aquí non hai coches –argumentou o cura.

–O señor Nicanor repara os motores das máquinas de mallar.

–Ben… o importante é que che gusta arranxar cousas. Pero aínda faltan moitos anos para que tomes esa decisión. De momento, prepárate para ser un bo cristián e recibir a túa primeira comuñón. Iso é o máis importante agora.

Foi unha reflexión que escoitei moitas veces, mais eu non sabía que significaba ser un bo cristián nin a primeira comuñón, aínda que si vira os cativos máis grandes celebrar ese día vestidos de traxe novo e convidando na súa casa a unha comida coma se fose día da festa.

O meu pai xa metera as vacas e as ovellas na corte e estaba na palleira sacando herba para lla dar ás vacas, que tiña preparada porque a nevarada podía durar varios días e no monte non poderían comer.

Por fin, os nosos estraños visitantes decidiron marchar. A miña nai saíu a despedilos e eu quedei só na cociña. De súpeto escoitei un agudo e raro renxer da madeira, e instintivamente fun para afora e berrei que a casa ía romper. En cuestión de segundos, o teito esborrallou. A casa tiña os seus cen anos e o soporte de madeira que sustentaba o tellado cedeu debido seguramente á sobrecarga de neve.

Por un milagre, non sei se debido á bruxa Lila ou ao cura don Pedro, o chan do primeiro andar soportou a maior parte do tellado esborrallado e só caeron uns taboleiros enriba dunhas vacas no soto. Foi unha sorte que aos habitantes da casa non nos pasase nada.

O pobo enteiro acudiu para axudarnos e pór a salvo todos os animais: vacas, becerros, ovellas, o cabalo, os porquiños e os coellos que comían co resto na corte. As pitas tamén se salvaron porque o galiñeiro estaba fóra. Mais nós quedamos sen camas, armario nin roupa, sen comida nin pratos nin cadeiras, todo sepultado pola madeira e unha enorme camada de neve.

Afortunadamente, a solidariedade dos veciños funcionou coma un resorte e de inmediato nos repartiron en varias casas e, en poucos días, os homes do lugar puxéronse ao servizo do meu pai para traer trabes e táboas. Un mes despois xa puidemos volver á nosa casa renovada. Case foi un agasallo de Nadal.

Quedoume gravada para toda a vida esa gran disposición dos veciños a axudar, fosen ou non familiares, amigos ou coñecidos… mesmo algún co que os meus pais non se falaban por cuestión dalgunha torna de auga nun lameiro ou por algún marco nunha leira, esqueceu as súas diferenzas e colaborou coma se a desgraza fose súa. A min levoume a Maruxa da Grola para a súa casa. A tía Herminia e mais o tío Xosé María levaron para a súa aos meus pais e ao meu irmán Bautista.

Non conservo fotografías da casa caída, pero na memoria gardo as imaxes do día seguinte, pois fun con Maruxa buscar entre aquela morea de entullo algo que quería salvar. Só puiden levarme aquela estampa sombría e fantasmagórica… quebrada de súpeto pola alegre presenza do tío Francisco de Folgoso, que chegou cun carro cargado de trabes para comezar a montar o novo tellado. É certo que a vida no campo obedece principalmente aos ciclos da natureza, pero a vontade das persoas tamén cumpre un papel decisivo, pois sen a solidariedade de veciños e familiares tería sido moi complicado superar aquel inverno.

Un guerrilleiro na familia

…

Ler o libro completo en Locus Mundi

Cargando Locus Mundi…